Friday 03 de May de 2024

Alba de Compostela, o acto institucional do Concello do 25 de xullo, renderá homenaxe a persoas ou institucións que constrúen cidade todo o ano


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, avanzou en rolda de prensa información sobre o acto institucional municipal previsto para o vindeiro 25 de xullo, que levará por nome ‘Alba de Compostela’ en homenaxe ao afamado discurso de Castelao ‘Alba de Gloria’. Será un acto “no que o concello sexa o protagonista” e que se celebrará nun horario en que non colida co resto de actos do día grande de Santiago e de Galicia.

A rexedora fixo fincapé nos obxectivos cos que nace ‘Alba de Compostela’: “instaurar un acto propio do Concello de Santiago para celebrar o día grande da festa máis importante do calendario anual; reafirmar o papel de Santiago como capital, vinculándoo á historia e ao futuro; homenaxear, no centro das celebracións festivas, persoas, institucións e organizacións que constrúen Compostela todo o ano; e darlle cabida a unha representación da sociedade, de xeito transversal e inclusivo, nas celebracións oficiais”.

Homenaxes

Trátase dun acto no que o Concello será o protagonista, diferenciado dos demais que se desenvolven no mesmo día, nun horario en que non colida con eles, e que se celebrará no Pazo de Raxoi.

Nel homenaxearase persoas ou entidades que atendan “a criterios de identificación con Santiago, arraigo social, relevancia ou proxección” que serán “do orgullo e do agrado da sociedade compostelá”. Sanmartín reivindicou a necesidade e a importancia de que “o propio Concello de Santiago celebre o día grande das súas festas cunha homenaxe a unha serie de persoas e entidades de recoñecido prestixio”. Os nomes anunciaranse nos vindeiros días.

Simbolismo e historia

O acto bebe do contido simbólico e histórico de ‘Alba de Gloria’, o discurso de Castelao, situado na mañá do 25 de xullo, que fai unha semblanza dos personaxes históricos que desde a Idade Media contribuíron a construír a identidade e a presenza no mundo de Santiago e de Galicia e formula un desexo de esperanza no futuro. Neste 2023 celébrase, ademais, o 75 aniversario deste texto.

Tamén se inspira na ‘Estrela de Santiago’, unha estrela de oito puntas, presente no escudo de Santiago e visible en moitos lugares da cidade. Rememora o sinal que indicou onde se había de construír Compostela cuxo nome está relacionado, no imaxinario popular, co “campo da estrela”. Vincúlase tamén con outras tradicións como a da relación entre o Camiño de Santiago e a Vía Láctea.